Antigo Reitorado da Universidade de Vigo Rúa Oporto, 1
O consorcio conformado pola Fundación Clúster de Conservación de Productos del Mar (Fundación promovida por ANFACO-CECOPESCA) e a Fundación para la Pesca y Marisqueo (FUNDAMAR) presentan as IV Xornadas divulgativas sobre o papel da muller no sector pesqueiro e conserveiro: Mulleres de Cine. Estas xornadas tiveron lugar o 8 de novembro de 2018 no Antigo Reitorado da Univesidade de Vigo.
O obxectivo principal das Xornadas é salientar o papel estratéxico da muller no sector extractivo e transformador dos produtos do mar, recoñecer o esforzo realizado no pasado, o presente e o futuro. Elas configuran un alicerce fundamental da nosa sociedade e da comunidade pesqueira e conserveira, xa que participan en toda a cadea produtiva, dende a extracción ata a comercialización final do produto.
Nesta ocasión púxose o foco no protagonismo das mulleres do mar no noso cine, tanto documental como de ficción. Os invitados e invitadas da mesa redonda foron o cineasta Álvaro Gago Díaz, autor de Matria, a curtametraxe multipremiada e galardoada no mítico Festival de Sundance, cuxa protagonista traballa na fábrica Daporta (Cambados) de conservas de peixe e marisco, que mudou a súa produtividade polo plató de cine.Contaremos tamén co seu xerente, Alejandro Daporta.
Doutra banda, Cruz Piñón presentou o proxecto audiovisual Teño unha horta en San Sadurniño, que inclúe o documental realizado polas antigas traballadoras da conserveira El Cisne, Historia do cisne, o atún e a troita.
Finalmente, Xisela Franco moderou a mesa redonda e introduciu o seu documental poético La última batea, suxestivas imaxes para despedir a derradeira batea de ostras da Ría de Vigo da man da súa propietaria.
Salientamos, no eido do traballo da muller do mar e do cine, o premio recibido por FUNDAMAR da Association for Women in the Seafood Industry (WSI-ASSO) na derradeira edición do certame de curtametraxes sobre a muller no mundo da pesca, Puntada Invisible de Henry Robusto, curta sobre as redeiras do Berbés.