FUNDAMAR e FUNPROMAR CELEBRAN AS VIII XORNADAS DIVULGATIVAS DO PAPEL DA MULLER NO SECTOR PESQUEIRO E CONSERVEIRO. Investigando en feminino.

O consorcio formado pola Fundación para la Pesca y Marisqueo —FUNDAMAR e a Fundación Clúster de Conservación de Productos del Mar —FUNPROMAR (Museo ANFACO) realizan un ano máis as Xornadas divulgativas sobre o papel da muller no sector pesqueiro e conserveiro, no marco de colaboración da marca SEREAS, creada no 2017 por ambas entidades, como proxecto divulgativo ao servizo da visibilización do papel da muller dentro do sector extractivo e transformador de produtos do mar.

A experiencia conxunta e a visión de ambas entidades sobre as cuestións de xénero no noso sector púxonos na pista en canto a necesidade de crear un rexistro das vidas laborais femininas no mundo do mar na provincia de Pontevedra. Ata o de agora temos recopilado oito fichas audiovisuais; redeiras, mariscadoras, clasificadoras directoras e altos mandos na conserva, antigas operarias, e a curtametraxe Pegadas Esvaecidas, unha mirada ao pasado destas traballadoras.

As dúas novas fichas audiovisuais das nosas protagonistas 2022 e que pasarán a formar parte do repositorio do portal www.sereasdomar.org , son María Coira “Vocación pola conserva” que reflicte o papel da muller en diversos postos da industria conserveira  e  “Marujita la del Hielo”, emblemática muller que forma parte do patrimonio humano do Berbés.

Por outra banda, neste 2022 na VIII edición  presentamos o resultado da  1ª ESTADÍA SEREAS 2022. INVESTIGACIÓN SOBRE REFERENTES FEMININOS NA INDUSTRIA DO MAR NA PROVINCIA DE PONTEVEDRA, da man da beneficiaria deste proxecto de investigación, Sabela Valcárcel Lago, investigadora nova que presentará ás mulleres da familia Llauger, descendentes dunha familia de orixe de fomentadores cataláns, asentados en Vilanova de Arousa.

O proxecto ten como obxectivo salvagardar a memoria da muller para contar a historia do mar en clave de xénero, reconstruíndo a historia do mar a partir dos arquivos existentes dende unha mirada de xénero.  A historia, invariablemente, relegou o papel da muller, mantendo no anonimato o seu verdadeiro rol nas economías familiares. Aínda así, sempre houbo historias de superación persoal e mulleres cun papel activo como propietarias e xestoras da economía. Estadía SEREAS interpreta e reinterpreta as fontes documentais para indagar na  verdadeira participación das mulleres na vida laboral e económica a través dos arquivos documentais.

O acto terá lugar o martes 24 de outubro de 2022 a partir das 17:00, na sede da Deputación de Pontevedra en Vigo, de maneira presencial ou online, a través de ZOOM, contará coa participación do alcalde de Vigo, Abel Caballero, da presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, o presidente de FUNDAMAR, Javier Touza, o secretario xeral de ANFACO-CECOPESCA,  Roberto  Alonso e representante legal de FUNPROMAR, a xerente de FUNDAMAR, María Caldeiro, e Mariña López, responsable  do Museo ANFACO da industria conserveira.

A actividade conta co apoio e patrocinio da Deputación de Pontevedra e o Concello de Vigo.

Pin It on Pinterest

Share This